Xestores musicais de 16 países coñecen a artistas galegos

oct 20, 2014 Sen Comentarios por

Programadores culturais de 16 países están esta semana en Galicia para coñecer de cerca a artistas galegos. Cunha intensa axenda, entre o Focus Galicia neste inicio de semana e o festival internacional Womex 2014, con músicos de todo o mundo en Compostela a partir do mércores, os escenarios e os sons galegos atraen estes días a ollada de curiosos dende distintos territorios. O folk e a tradición están máis que presentes neste escaparate musical. Onte mesmo, na Sala Capitol de Santiago, arrancaba a semana musical con Radio Cos (xunto á Banda Crebinsky e Som do Galpom). Hoxe foi o turno de Susana Seivane, no obradoiro de gaitas, con Najla Shami e Luar na Lubre no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, e Sumrá e Rosa Cedrón na Casa das Crechas. Xa o martes, no que haberá un avance do concerto inaugural do Womex 2014 no Auditorio de Santiago, o Focus Galicia centrarase en Ourense, con visitas a bodegas, a música de Abe Rábade, Daniel Minimalia e, xa pola tarde, no Teatro Principal, Caxade e Cuarteto Caramuxo. Participarán uns 12 artistas nestes días de encontro entre xestores e artistas, para que a música de raíz galega se coñeza un pouco máis dende Alemania ao Brasil, de Noruega á India, Reino Unido, Xapón ou Colombia.

Folk Internacional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “Xestores musicais de 16 países coñecen a artistas galegos”

Deixar unha resposta