*/ ?>

Coanhadeira: “Sempre nos imaxinamos ao público bailando”

Mar 13, 2015 Sen Comentarios por

“En cada composición, sempre nos imaxinamos a alguén bailando”, conta Óscar Freire, o encargado dos “saxos” no grupo ourensán. Coanhadeira ultima a estrea do seu terceiro disco, ‘Bicos con luvas’; once temas con pouso tradicional que consegue traer, por momentos, aires de jazz. “Ao mellor é polo saxo, a min gústame o jazz, por exemplo, e algúns do grupo veñen de formación clásica; é inevitable que se perciban un pouco as músicas que vas bebendo pero o disco ten base tradicional porque é a música que mamamos. Na actualidade todos damos clase en escolas de música tradicional”, explica Freire. De feito, o obxectivo desta banda segue a ser “mostrar os restos musicais conservados ata o día de hoxe a través da tradición oral da cultura galega” e esta foi unha das ideas da campaña de Verkami na que o grupo superou a cantidade que solicitaba para poder sacar este terceiro disco.

Compoñentes

Son Óscar Freire (gaita e saxo), Xerardo Quintela (acordeón), Patricia López (voz e pandeireta), Samuel Soto (bouzouki), Efrén Nóvoa (baixo), Marcos Saburido (percusión) e Chechu Pérez (gaita e zanfona) e o grupo naceu en 2006. Musicalmente, os compoñentes proceden de Castro Floxo, Escola de Baile da Diputación de Ourense e tamén da Asociación Ourensana de Folclore Tradicional-Gomes Mouro. Freire recoñece que lles encanta que o público baile coas súas cancións: “case sempre o conseguimos, si ben é certo que en teatros é máis difícil”.

O nome

Por que Coanhadeira? Así lle chamaban ás señoras que varrían os ‘coanhos’ ou ‘coaños’ logo da malla. “Realmente unha coanhadeira é a vasoira feita con pólas de xesta para varrer pero tamén se lles chamaba a quen o facía”, comenta Freire. cartel completo

O disco
Logo de cinco anos de traballo sae ‘Bicos con luvas’. Que significa? “O que se che veña á cabeza”, di a formación. Hai xente que pensa en algo máis sexual, máis sensual ou incluso nun bico de respeto con elegantes luvas…”No fondo iso é o que pretendemos coa música, transmitir ideas, sensacións e emocións distintas”, engade. Leva temas propios, coma ‘Eu ben sei’ ou ‘Pasatempo’, e ten colaboradores coma Ugía Pedreira, co tema ‘Ézaro’, ou Bea Mariño, que escribiu ‘Soa’. Participan tamén o contrabaixo Diego Pérez, o violín Gutier Álvarez, o gaiteiro Gonzalo Abeleiras e Noela Maceda, alumna de Patricia, a vocalista e pandereteira da banda.

Fol de Folk

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “Coanhadeira: “Sempre nos imaxinamos ao público bailando””

Deixar unha resposta