Longa noite de foliada en Cerqueda

mar 23, 2015 Sen Comentarios por

A cita anual para os foliadeiros en Cerqueda superou nesta ocasión as previsións da organización, con máis de 20 grupos no cartaz para a noite do sábado. E o serán foi longo, ata altas horas. Empezaron os máis pequenos coa Foliadiña, a media tarde, e as Pandereteiras de Raigañas, as que promoven a ruada cada ano, co acordeonista Pazos de Merexo, marcaron o arranque dunha noite de música, chea de maneos, muiñeiras, xotas e pasodobles. Coas actuacións de Radio Cos e Fol de Veneno, pasaron polo escenario numerosos grupos de Bergantiños pero tamén de fóra da comarca e máis de mil persoas asistiron á carpa da festa. Dende Xornes, Malpica e Seaia ata Carballo, Verdillo, Vimianzo, Arteixo ou A Coruña. Nenos e maiores compartiron filas improvisadas ao son de grupos dos máis pequenos e adultos, en forma de cuartetos, bandas e grupos de pandereteir@s. As Escolas das Pozacas reuniron a Raigañas, Arume, Xacarandaina, Trubisquiña, Sarabia, Malante, Carcaxía ou San Xulián, entroutras asociacións. No vídeo, un momento da foliada:

Baile tradicional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “Longa noite de foliada en Cerqueda”

Deixar unha resposta