Gala espectacular para “ser patrimonio”

mar 30, 2015 Sen Comentarios por

Os 40 mozos e mozas de Xacarandaina brillaron de novo, co seu vestiario exquisito, na gala para mostrar a riqueza do baile e da música tradicional de Galicia. A actuación foi unha viaxe polas zonas máis ricas en conservación de cancións e coreografías; un repaso polas pezas típicas, explicadas con datos históricos, de cando entraron en escena. Dende valses aprendidos en Cerceda ou en Soutomaior a ‘agharrados’, cantos de taberna, mazurcas, maneos ou charangas de Tordoia a As Nogais, sen esquecerse de míticas muiñeiras, baile clave, coa xota. De Zas de Carreira a Aldán, coa súa danza de donas e galáns.

Os membros máis veteranos de Xacarandaina, asociación fundada en 1978 centrada na recuperación do folclore tradicional, lembraron que o obxectivo da mostra é a “dignificación da cultura galega”, ademais de servir  de “exemplo de arte”. Trátase dunha exposición viva para facer posible a candidatura do “Baile e Música de Galicia” a Patrimonio Inmaterial da Humanidade ante a UNESCO.

Baile tradicional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “Gala espectacular para “ser patrimonio””

Deixar unha resposta