*/ ?>

‘Añobres’ de Samarúas soará na Salason

Apr 18, 2015 Sen Comentarios por

Veñen da música tradicional e pese á súa xuventude, que neste caso se transforma en virtude para a creación de innovadoras melodías tradicionais, foron quen de ir facendo o seu espazo no actual panorama folk galego. Samarúas eran os camaradas, os amigos, para Celso Emilio Ferreiro en ‘Longa noite de pedra’. Tocarán hoxe na Salasón de Cangas. Alí soarán pezas como ‘Añobres’, ‘Redeiras’, ‘Armeria’ ou ‘Ardora’ e nesta actuación contarán coa colaboración de Diego Calviño (voz e pandeireta) de O Fiadeiro (tamén actuou con Budiño e Arrolos de Salitre). Con él interpretarán un arrolo e ‘Pontragha’.

Antía Ameixeiras (violín), Antonio Prado (percusión), Tania Caamaño (voz ), Miguel Vázquez (gaita e percusións), Carlos Barcia (guitarra) e Fran Trashorras (acordeón), con centro emocional na Costa da Morte e físico entre esta parte da costa coruñesa e a cidade de A Coruña, comezaron en 2013 coa súa proposta de ‘folk fresco’. “Trátase de reinterpretar a música tradicional, tamén cunha parte de creación propia”, conta Fran Trashorras, o acordeonista da formación. Natural de Camariñas, co seu irmán Carlos, aportan ese aire costeiro ás cancións da formación. O propio Fran conta que gran parte da súa inspiración nace precisamente de elementos cos que el está moi familiarizado, coma “o vento do mar, co seu especial ruido”. Tamén Antía Ameixeiras, a violinista do grupo, que precisamente acaba de terminar a xira co prestixioso gaiteiro Carlos Núñez por Estados Unidos tras recibir a bolsa de excelencia artística AFundación, é natural de Laxe. “Consideramos que o antigo renóvase e o novo aliméntase do pasado”, comenta Trashorras. Sería neste punto onde se ubica o discurso de Samarúas, que pretende aportar unha visión propia e orixinal dentro do panorama do folk galego. Hoxe soarán no Morrazo e o 17 de maio actuarán nas Letras Galegas de O Couto (Ponteceso), entroutras actuacións previstas na cidade herculina.

Sin categoría

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “‘Añobres’ de Samarúas soará na Salason”

Deixar unha resposta