A aventura dunha gala con 60 artistas

jul 07, 2015 Sen Comentarios por

Non é fácil organizar máis de 20 actuacións de baile e música con 60 participantes, bailadores, tocadores e intérpretes de teatro no escenario, como tampouco é fácil resumir 35 anos de vida dunha asociación cultural en dúas horas e media de espectáculo. A Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños) logrou resumir na gala homenaxe desta fin de semana máis de tres décadas de existencia, a través de coreografías, voces e moitas fotos, dende os setenta ata a actualidade. Sobre as tablas do Centro Cívico, actuaron moitos bailadores apartados de filas e tablóns durante anos, vellos alumnos que repasaron os bailes aprendidos algún día nos ensaios das fins de semana dos últimos meses para preparar o día grande da asociación que dinamiza a vida cultural e recupera a tradición e o patrimonio dunha das parroquias máis activas da comunidade galega. Todo para deseñar unha gala con cerca de 60 participantes de todo Bergantiños, con colaboradores tamén da zona, Arteixo ou A Coruña. Entre os artistas da gala, dende o máis cativo, con 5 anos, aos máis veteranos, que superan a cincuentena. Non podían faltar bailes míticos e propios do lugar, coma A Ribeirana, nacida precisamente en Cerqueda, que nesta ocasión foi interpretada polos máis pequeños, que confirman o relevo xeracional desta fermosa peza, sentida e difícil de interpretar. Tampouco faltou a Punteada, co “Eleele”, para cerrar a festa, terreo dos bailadores máis veteranos, nin o Maneo de Seaia ou Sofán. Emoción e no medio das actuacións, fotos e fotos para recordar os mellores momentos do camiño ata aquí.

¿Que como se organizan 60 persoas?

Con moitos nervios, apuros, adrenalina e espabilación detrás do escenario. E tamén calor. Entre baile e baile, bailadoras e tocadores cambian de refaixo, panos, dengues, chaquetillas e ata xoais, apuradas polo ritmo da gala, que obriga a volver ao escenario en breve. Co apuro sempre falta unha media, ou alguén descoloca o complemento que unha tiña apartado nunha mesa para poñer rapidamente e non perder tempo, todo isto na parte de atrás do centro cultural, mentres o resto de compañeiros avanza no espectáculo cara o público. Nesta parte organizativa é fundamental o traballo dos directivos e colaboradores que botan unha man para vestirse, colocar os panos ou atar os mantelos á cintura. Mar e Begoña foron as principais organizadoras, xunto á Rosario, máis centrada nas pandereteiras, Suso, cos gaiteiros, Josecho Pallas co apoio de Manuel de Arteixo na parte teatral, e Silvia e Rocío, da Asociación Xiradela de Arteixo, tamén foron cruciais para que todos puidésemos saír a tempo ao escenario para bailar, sen perdernos polos pasillos. No público, Xosé Manuel Varela encargouse de fotos e imaxe, apoiado por María Canedo e o equipo de luces. Anteriores directivos de Raigañas, como José Luis Fernández, José Ramón Garrido, ou Sonia Reigía, estiveron presentes todo o tempo, así como as profesoras invitadas cun lugar distinguido por todo o que ensinaron ao alumnado de Bergantiños: Mercedes Peón, Olga Kirk e María Xosé. (Fotos de Xosé Manuel Varela).

foto2raigañfoto3raigañ

mullerestablon buenafoto1raigañ

Baile tradicional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “A aventura dunha gala con 60 artistas”

Deixar unha resposta