*/ ?>

As claves do traxe de Muros, primeiro premio

Aug 04, 2015 Sen Comentarios por

“O traxe de Muros ou traxe de muradán é un traxe de garda e está elaborado con tecidos naturais como pano de lá preta e damascos asedados ou ben, veludo”. Así comeza Andrea Noya, estudiante universitaria e vinculada á costura dende nena, a descrición do traxe co que ganou o primeiro premio do Certame de Traxes deste ano, que se celebra en Santiago coincidindo coa celebración das Festas do Apóstolo. É a terceira vez que Andrea leva o primeiro premio pola calidade, a elegancia e o modo de reproducir un traxe tradicional, guiada neste labor, como ela mesma indica, polos profesores e investigadores neste campo Alberto Golpe e Aurelio Gianzo. Precisamente o ano pasado ganaba este mesmo certame cun traxe de Santiago. Nesta edición a peza orixinal é de Muros, e a súa reconstrución fíxose a partir de fotos históricas.

“Sempre hai algo que me chama a atención nun traxe para querer facelo. O ano pasado foi o brístol de ouro e prata e este ano a chaquetilla, azul, unha prenda que quería”, conta Andrea. Na cabeza: unha cofia de tul bordada en algodón e, como complemento, a mantela, elaborada ao igual que o resto das pezas en pano e damasco, cun agremán a xogo co mantelo. “Como xoiería unicamente levaba uns brincos de sol e un aderezo corto de lazo no pescozo, ademáis dun rosario antigo de prata e nácar coa cruz de filigrana e un misal, tamén antigo”, describe Noya Mourullo, que confeccionou o traxe en 20 días, con moitas horas de delicado traballo.

Partes do traxe

Unhas medias de lá fina de cor vermello-agranatado e chambra de pescozo cadrado e riscado, igual que as hombreiras e os puños. Ademáis de enaguas, Andrea indica que levou “un refaixo negro con rodo verde e unha basquiña azul prusia rodada en vermello”. Sobre a basquiña un mantelo rematado en damasco, cortados seguindo os patróns antigos.

“Sobre a chambra e a basquiña levo un xustillo que quedará tapado pola blusa e o mantelo. A blusa leva o talle cortado á cintura e as mangas son amplias: as mozas muradanas usaban blusas de distintas cores, eu escollín un azul klein moi vivo, que leva bordadas imaxes de pavos reais. Sobre a blusa e anudado en corbata levaba un mantón catalán, de fondo azul celeste bordado en fío marfil e cos flecos da mesma cor”, engade a autora. (Fotos: Lara Torres)

O ano pasado Andrea Noya ganaba coa seguinte reprodución: Traxe de Santiago (premio 2014)

Baile tradicional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “As claves do traxe de Muros, primeiro premio”

Deixar unha resposta