Sons Miudos: No mundo dos soños, esquecen os nomes

ene 28, 2016 Sen Comentarios por

sons3“Non son un moucho, chamar cousas é feo”… “Hai que estar alegres e quererse moito”, din os protagonistas mentres cruzan apertas. Pepablo Patiño e Montse Piñón xogan todo o tempo polo escenario arrastrando o seu ‘carromato’ a modo de casa ambulante, incluso montan nos seus imaxinarios globos aerostáticos de cores e simulan que voan paseando entre o público. Os actores de Sons Miudos, da compañía teatral Os Ghazafelhos, fían e guían a historia da busca continua das cancións mentres os músicos, os diálogos e a danza desfila polo espectáculo que repasa máis dunha década de música infantil galega. A banda de músicos Sons Miudos acompaña aos actores e cantantes con refinadas músicas de fondo, e tamén en primeira persoa, dende rock ata samba, pasando por jazz, muiñeira ou pequenas melodías de misterio. Os ‘ghazafelhos’ chegan a esquecer os seus propios nomes porque viaxan ao mundo dos soños. Recuperar a identidade ao longo do show non será doado. Aparece en escena Paco Nogueiras, co seu gorro azul e o seu ‘Brinca-Vai’ (brazos en alto, esquerda-dereita), e axita ao pequeno público do ‘Pazo da Ópera’. Responden á chamada do ‘Estamos no verán’ de Xoán Curiel, que parece trasladarse en alfombra voadora. O ‘Tic, tac, tic, tac, o reloxo vai soar’ de Pablo Díaz, con aspecto de trasno que por instantes baila tradicional, fai cantar ao público, pequeno e grande, así como Magín Blanco coa Nena e o grilo. Aforo en pé, ninguén sentado xa, todos bailando con “Son o pirata guai, ou, ou, ou, e no meu barco vou”, de Mamá Cabra, con Gloria Sánchez, e o ‘Sacudín, sacudín, sacudín’ de María Fumaça, con Ana Senlle e o seu posto do mercado. Así é Sons Miudos, pura emoción, cun público de cativos esixentes, que ata piden ‘bises’.

Actuacións

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “Sons Miudos: No mundo dos soños, esquecen os nomes”

Deixar unha resposta