*/ ?>

Abóbriga axita o San Blas de Bembrive

Jan 31, 2016 Sen Comentarios por

San Blas 2016. Das primeiras festas do ano. Viño e comida caseira preparada nos furanchos. Casi 40 furanchos nun lugar coma Bembrive, en Vigo. Furanchos e tamén postos de comida e bebida na rúa, coches aparcados daquela maneira, en ringleiras diante das casas, coa única norma de que non se formen atascos e de que se poida circular. Parece que non hai sitio para todos os que queren achegarse a celebrar o San Blas. E iso que nos últimos días de xaneiro é só tempo de quentar motores, os días preparatorios, os fortes veñen agora: do 1 ao 3. “O mércores será o día máis potente”, coméntanme. A música tradicional escóitase dende distintos puntos do “mapa furancheiro”, dende A Lareira, A Rianxeira, Furancho da Costa ou do Cu, O Busto do Boi, O Marqués, Furafollas, A Botica de Toñito, Taberna Mosteiro, Furancho de María, Primeira Parada, A Cabaña, Estanco, Furancho Segade, O Pozo, Os Cepillos, O Furanchiño do Medio, Veiga, Chivo, A Buraca, Pataquiño, A Pedra ou Os Ramallos. Nomes curiosos. Creo que falta algún, desculpen, perdín a conta. Todos eles nun territorio moi reducido. A noite está fría e chove miudiño, algo pouco habitual, inda así non colle a xente nestes baixos das casas, acolledores bares típicos do sur, moitos deles improvisados, cun peculiar concepto familiar. No ‘Lembranzas de Xarabar’ tocou Xistra e agora é o turno de Abóbriga, grupo formado en 2008, con músicos de Baiona, tamén de Vigo. Foliadas, muñeiras, rumbas… pezas tradicionais e tamén composicións propias. Bailables, moi bailables, de feito, o público non para. Gaiteiros de Monteboi. O grupo que leva o nome antigo da vila deixou no furancho o estilo do disco que sacaron hai pouco: ‘Foliada en Baiona’. Con ritmo, melodías tradicionais e moita disposición transmitiron a enerxía precisa na noite furancheira que o San Blas esixe.

Festifolk

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “Abóbriga axita o San Blas de Bembrive”

Deixar unha resposta