*/ ?>

Barroso: “O disco é unha viaxe a través das cancións”

May 19, 2016 Sen Comentarios por
“O disco é unha viaxe a través das cancións”. O músico de Ferrol Fernando Barroso acaba de lanzar o seu primeiro traballo en solitario, chámase Intropía e, a través dos 17 temas, trata de ordenar ideas, de expresar, “de pararse a facer música para transmitir cando todo o que nos rodea vai tan a correr”, apunta. Multi-instrumentista de corda pulsada, compositor e produtor, Barroso crea un álbum de autor con máis de 30 instrumentos distintos e numerosos músicos que o acompañan na viaxe que pretende ser o seu novo traballo discográfico. “Pretende facer viaxar; a través das cancións percíbese unha historia”, describe. Logo de máis dun ano e medio de traballo, dende onte está á venda na súa páxina web (  http://fernando-barroso.com/comprar/ ) e en superficies comerciais.
“Intropía é unha forma de definir ese caos interno que ás veces nos pode complicar a vida e que ás veces pode ser marabilloso”, describe Barroso. Guitarrista vocacional, neste traballo, con predominio de corda e percusión, toca guitarras (eléctrica, acústica, clásica ou portuguesa, de Lisboa), cavaquinho portugués, mandola, mandolina, bouzouki irlandés, baixo, teclados, piano e percusións adicionais.
«Apetecíame achegarme a Ferrolterra (como mostra a portada) para contar todas estas historias que tiña na cabeza, e metelas nun disco» , conta Barroso, que apunta: «xa que nunca tiven a osadía de cantar, decidín intentar facer falar aos instrumentos» .

No primeiro disco en solitario do músico galego, resultado dun ano e medio de reflexión, composición e produción, soan tamén adufes, pandeiretas, tixolas, batería, violíns, gaitas, trompetas, acordeóns, cello, low whistle, arpa céltica, bombo, bendhir, tambor ou djembé, ademais de voces. Colaboran en Intropía intérpretes e instrumentistas do nivel de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xosé Manuel Budiño, Ramón Dopico, Begoña Riobó, Anais Barbier, Pedro Fariñas, Manuel Paíno, Ana Isabel Días, Óscar Fernández, Miguel de Dios, Alfonso Merino, Pablo Dalama,Margarida Mariño, Ricard Ros, Beatriz Martínez ou os gaiteiros dos 90′ da Coruña (José Catoira, Brais Maceiras, Antonio Prado…).

Traxectoria

O artista galego Barroso forma parte das bandas de Riobó, Budiño e TRIM e ten traballado con músicos como Anxo Lorenzo, Xabier Díaz e Julio Pereira, entre outras múltiples colaboracións. Entre 2011 e 2015 foi parte da banda «paratradicional» ferrolá Os Cempés. Por outra banda, cos músicos Eoghan Neff e Luis Peixoto fundóu o trío internacional Assembly Point en 2011. E con Peixoto, músico portugués, tamén coproduciu traballos como POP, en 2013, ou TRIM, en 2014. En 2016 forma parte do laboratorio creativo NEXO, con músicos de varios países de Europa e América.

Grupos

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “Barroso: “O disco é unha viaxe a través das cancións””

Deixar unha resposta