Ialma percorre o “camiño” de volta

Feb 27, 2017 Sen Comentarios por

“Camiño é a viaxe de todas as persoas que teñen que deixar a terra na que naceron para buscar un mundo novo. É unha viaxe cara a luz, na procura do sol que escintila no ceo e no mar se deita. É unha viaxe no tempo, na que os ecos da memoria vibran no presente e alumean o futuro que queremos”.

Son palabras do novo disco de Ialma, as pandereteiras galego-belgas, que estes días percorren Galicia, e visitarán tamén Madrid, Zaragoza, Barcelona ou León, para presentar ‘Camiño’. É o seu quinto traballo e con el celebran 20 anos de carreira musical. Parten da música tradicional galega, que aprenderon en Bélxica, o país onde naceron e creceron estas mozas, que reivindicaron sempre a súa esencia galega. As irmás Codesal, Marisol Palomo e Magalí Menéndez están de xira pola comunidade galega, como metáfora a un camiño de volta, o mesmo que emprenderon os seus avós no seu momento de Galicia a Bruxelas para buscar un futuro. Elas transformaron moitos deses pensamentos en músicas, dende o momento en que apostaron por aprender a tradición e a cultura galega, na distancia.

Volveron no Día de Rosalía, con concerto inaugural na casa da autora, en Padrón, continuando no Garufa (A Coruña) e Lugo:

  • 27 febreiro: Lugo (Clavicémbalo)
  • 2 marzo: Madrid (Galileo Galilei)
  • 3 marzo: Barcelona (CAT)
  • 4 marzo: Zaragoza (Festival de Raíz)
  • 1 maio: A Coruña (Teatro Rosalía)
  • 3 maio: Santiago (Teatro Principal)
  • 5 maio: León (Teatro Albéitar)

Adican precisamente este quinto traballo á emigración e tamén á situación actual de milleiros de refuxiados. Engaden temas noutros idiomas, como italiano, nunha atmosfera de multiculturalidade dun país como Bélxica, coa colaboración especial na elaboración deste traballo de Brais Fernández.

Ai la la, Maneo de Bruxelas, Doutras Terras, Novo Alén, Baila Bela Fada, Seremos, Liberdade, Cantar do Refuxiado, Voa voa, Galeuska, Bicada pola lúa ou Na túa lembranza son temas deste novo disco.

Fol de Folk

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “Ialma percorre o “camiño” de volta”

Deixar unha resposta