24 festivais candidatos aos Martín Códax

Mar 13, 2017 Sen Comentarios por

Consultar os festivais de música que optan aos Premios Martín Códax da Música nesta edición supón un paseo imaxinario polas numerosas festas e citas musicais da comunidade, dende as Rías Baixas ata Lugo, de encontros festivaleiros ao aire libre ata teatros de Santiago, A Coruña ou Ferrol… E non só no verán. Anque o máis común, dende sempre, son as apretadas axendas concentradas na etapa estival (de xuño a setembro) o panorama musical tamén se vai desestacionalizando, nese camiño ideal de poder desfrutar de música ao vivo todo o ano, independentemente do xénero ou estilo.

Podes iniciar a ruta festivaleira xa en febreiro, na Candeloria (Lugo), cita para amantes do trash, metal, punk, ska ou hip-hop, para parar, por exemplo, na Foliada de Melide, en abril, cun perfil máis tradicional ou optar por un dos novos festivais tipo o Santiautor, que se celebra en Compostela, en teatros e auditorios, ou na Rede de Músicas Soltas de Redondela, con actuacións distribuídas no tempo. E logo do calendario de vertixe de xullo e agosto, con citas míticas coma Pardiñas, o Port América, o Son Rias Baixas de Bueu ou o Rock in Río Tea de Ponteareas, estirar ata outubro, coincidindo co San Froilán, para participar no Sanfroidance, festival de cultura urbana con máis de dez anos de traxectoria.

Un resumo das propostas de festivais, baseadas nas presentacións das respectivas organizacións:

  • A Candeloria (Lugo): Pasaron grupos como Dakidarría, Ruxe-Ruxe, Labregos do tempo dos sputniks, Falperrys ou Ezetaerre. Celébrase en febreiro.
  • Arteficial: é dos de nova creación, en Ribadavia e en setembro, con varios escenarios. Ata 11 bandas: blues, punk, underground…
  • Canjazz: é o festival internacional de jazz de Cangas, o máis antigo da comunidade, segundo contan os organizadores, creado en 1979. Celébrase en agosto.
  • Castañazo Rock: dende 1993, en outubro e en Chantada. Centrado no estilo do título do festival.
  • Espazos Sonoros: creado en 2008 para ofrecer concertos en espazos de interese cultural, dende igrexas ata museos ou castelos. E dende Vimianzo, a Ribadavia, A Guarda, Baiona ou Bergondo.
  • Festival Arbo Rock: na propia localidade de Arbo, vai pola cuarta edición e céntrase en heavy metal.
  • Festival Armadiña Rock: vai pola octava edición e celébrase no marco das Festas do Mar de Combarro, en agosto.
  • Festival de Pardiñas:  Naceu no 1980 e é unha das citas máis potentes dos festivais folk do verán, con actividades paralelas e mostras de instrumentos de música tradicional.
  • Minho Reggae Splash: é a oitava edición e céntrase neste estilo musical, formando parte da rede europea do xénero.
  • Port América: naceu como vínculo dos dous lados do Atlántico, entre Europa e América, coas Rías Baixas como epicentro da cita musical e con actividades paralelas tipo participación de cociñeiros. Cun estilo pop, indie… foi cita nos últimos anos de potentes bandas do panorama internacional.
  • Revenidas: Celébrase en agosto en Vilaxoán (Arousa) e reúne a grupos galegos, desde rock, a rap, ska ou gipsy.
  • Son PDF: é unha proposta musical recente, que se celebra en agosto, en Santa María de Xeve (Pontevedra).
  • Foliada de Melide: Dende 2005 e no mes de abril, cun estilo máis tradicional e folk, con espazo para a artesanía.
  • Live for Madness Metal Fest: dende 2010 para promocionar o metal na provincia de Ourense.
  • Más que jazz Festival: funciona dende o 2014 por iniciativa do Garufa Club (Coruña) e a unión posterior do Filloa Jazz e Bembiú Club.
  • Rede de Músicas Soltas de Redondela: trátase dunha programación de concertos de inverno, ideada por aCentralFolque en 2012. Pasou por Ribadeo, Celanova, Rianxo e Redondela, ademais de centros escolares e culturais.
  • Na Raíz: é un ciclo de outono con concertos de artistas galegos no Teatro Jofre de Ferrol.
  • Nigran jazz: Celébrase en agosto dende hai dez anos. Actúan dende artistas internacionais a grupos galegos do xénero, como Xan Campos Trío, Sexteto, Javier Marcos, Sumrrá ou Telmo Fernández.
  • Rock in Río Tea: Rock&Soul en Ponteareas. É un festival ao aire libre que se celebra en xullo.
  • Sanfroidance: Leva máis de dez edicións no marco das Festas de San Froilán de Lugo, en outubro. É un festival de cultura urbana.
  • Santiautor: un espazo para a música de autor dende 2010, con concertos no Teatro Principal ou no Auditorio Abanca. Nesta edición (VIII) chega a 32 artistas.
  • Son Rías Baixas: en agosto, en Bueu. Como contan os organizadores, é unha cita cunha programación musical que combina artistas consagrados con grupos galegos, nunha localización urbana.
  • Surfing the Lérez: son xa seis edicións desta cita musical pontevedresa.
  • Vigo Sinfónico 2017: unha nova proposta, con variada programación, con tintes jazzísticos, de xaneiro a maio.

A todos eles: sorte!!!!

Festifolk

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “24 festivais candidatos aos Martín Códax”

Deixar unha resposta