*/ ?>

Para pandereteiras: Bergantiños

Mar 15, 2017 Sen Comentarios por

Esta comarca da provincia coruñesa ten sona de bos e boas bailadores e cantareiras, debido en parte á concentración de xente maior que conservou un xeito de tocar propio e auténtico, como “a empuñada”, por poñer un exemplo. Así o demostraron as gañadoras do concurso ‘Leña á ferreña’, as dúas de Bergantiños.

Foron 16 os concursantes que pasaron por esta competición sobre música tradicional que organiza o programa Luar da TVG: dende Ourense, Silleda, A Coruña, Teixeiro ata participantes que seguen e practican a tradición en Madrid ou Barcelona. Os mozos e mozas mediron as súas destrezas no concurso musical.

De todos eles foron dúas bergantiñanas as que convenceron a público e xurado: Margarita Varela, da Asociación Arume de Verdillo (Carballo de Bergantiños), e a tamén carballesa Hadri Felpete, que actualmente toca nas asociacións Malante (Malpica de Bergantiños), Raigañas (Cerqueda-Malpica), na banda de Carballo e en Retranqueiros de Ames.

Hadri Felpete, que levou o segundo galardón, apostou na final do concurso por Canto de Cambre e Punteada de Cerqueda, e Margarita Varela, que quedou de primeira, por un Canto e Muiñeira Vella Riscada de Brandoñas.

“Había bo nivel, moitos poderían chegar, como Lupe Blanco, de Coristanco, Héctor, de Barcelona, ou os semifinalistas: Patricia Sánchez e Luis Villanueva. Houbo moitas cancións de Bergantiños e da zona, tanto por parte de Margarita como pola miña. Ao final todos traballamos pola nosa tradición”, explica Felpete.

Vídeos que mostra a páxina oficial de Facebook de Luar (http://www.facebook.com/luartvg/) coas actuacións de Margarita e Hadri na final:

Baile tradicional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “Para pandereteiras: Bergantiños”

Deixar unha resposta