*/ ?>

Xulio Lorenzo: “Este disco é un soño da infancia”

Mar 16, 2017 Sen Comentarios por

Foi nunha aventura musical por Brasil no 2015, de xira con ‘Gaiteiros de Lume’, cando Xulio Lorenzo empezou a visualizar o disco que sempre quixo sacar, en solitario. Logo do Brasil viría Italia, co grupo napolitano Brigan.

Resultado das súas composicións e interpretacións de obras para gaita é o seu primeiro traballo “Cantos da Ialma“, que acaba de saír. Son 12 temas co seu equipo de músicos: Paco Dicenta (baixo eléctrico), Diego Bea (guitarra), Roberto Comesaña (acordeón), Ioana Pérez (violín), David Outumuro (percusións) e Alberto Vilas (piano, teclado).

Autor de obras para gaita, frauta ou whistle como ‘Muiñeira de Mos’ ou ‘Alborada Camiño da Rosa’, adicadas a Mos (de onde é o músico), Lorenzo explica que os temas deste traballo son variados: “dende muiñeiras, vals, xotas valseadas.. ten moitos matices distintos”.

“Son todos de composición propia excepto un tema que é unha suite de temas, quixen facer como unha viaxe á música celta, comezando cun tema meu seguido dun irlandés e rematando cun tema galego, a Muiñeira do Morrazo”, indica Lorenzo.

No disco conta con artistas convidados: Bieito Romero (Luar na Lubre), Alberto Vilas (Tangata), Pedro Fariñas (Trim), Marcos Campos (Riobó), Banda de gaitas Xarabal, Noelia Álvarez Rodríguez-Osorio (Two in The Mirror), Marisé Balado (Sondeseu) e Francesco di Cristofaro (Brigan, Italia).

“O disco significa un todo para min; é un soño da infancia, unha superación, unha vía para que todos os sentimentos saian ao exterior. E unha máxima: os soños cúmprense”, comenta Xulio.

Lorenzo tocou en varios grupos de música tradicional como Os Chavellos, Arume, Donicelas, ademais dunha formación para concertos solidarios co nome de Xabenga (alcume dun bisavó).

O gaiteiro fará a presentación do disco no Auditorio da Sede AFundación de Vigo o próximo 20 de maio ás 21:00 horas.

 

 

 

Folk Internacional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “Xulio Lorenzo: “Este disco é un soño da infancia””

Deixar unha resposta