O baile das 400.000 visitas

Mar 21, 2017 Sen Comentarios por

No día da súa voda, o pasado 12 de decembro de 2015, Álex Ávila e Ana Fernández sorprenderon aos invitados cun baile improvisado. Era de agardar, ao ser ambos membros da Asociación Xacarandaina de A Coruña, bailadores con máis de 20 anos de experiencia en coreografías tradicionais. Tamén entre os invitados se atopaban moitos compoñentes do grupo coruñés, polo que a música e a tradición estiveron presentes na celebración.

O que non agardaban os protagonistas desta historia, que se está a volver ‘viral’ nas redes sociais, era o alcance que ía ter un dos vídeos gravados co seu baile improvisado, filmado por VisualTec, que tampouco esperaba tal repercusión.

Vestidos de noivos, Álex e Ana bailan en parella o Valse de Teixeira e a Muiñeira dos Queixas de Cerceda, cos músicos de Xaca. Este vídeo, de algo máis de un minuto de duración, acumula máis de 400.000 reproducións en redes sociais, camiño xa do medio millón.

“Para nós foi unha sorpresa. Hai dous vídeos en YouTube e entre os dous levan unhas 7.000 reproducións. Pero as redes sociais teñen estas cousas e no Facebook disparouse. Chegoulle á xente de moi moi lonxe e a verdade é que recibimos moitísimas palabras bonitas. Estamos moi agradecidos”, explica Álex.

Aquí o vídeo:

Baile tradicional

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.
Sen Respostas a “O baile das 400.000 visitas”

Deixar unha resposta