*/ ?>

Carboeiro abre a tempada de festivais folk de verán

Jun 17, 2014 Sen Comentarios por

Cunha comida campestre cubertos por unha grande carpa, pois o día chuvioso non deixou outra opción, e empanada para repostar durante a tarde e a noite, a XV edición dos Encontros de Música Tradicional do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, abriu de novo a tempada de verán de romarías folk de Galicia, como cada primeira fin de semana de xuño. Mentres os artesáns atendían os seus postos de instrumentos, coiro ou cerámica no Pombal, no campo do mosteiro comezou a festa ao mediodía do sábado, coa actuación de músicos do Deza e doutros lugares. “Viñeron de excursión nenos e maiores da Asociación Donaire de A Coruña, para pasar o día, xente dos Muiños de Zas, de Malpica ou Cerqueda e tamén de todas as idades de Brisas do Quenllo, de A Pontagra (Tordoia). Hai xente bailando e tocando de toda a xeografía galega. Sen esquecerme das señoras de Zobra e da zona de Mondariz, Toutón, que veñen sempre”, comentou Chus Caramés, unha das organizadoras, ano tras ano, dos Encontros. Os devotos de Santa Ferreña, imaxe que simboliza o coidado e a defensa do patrimonio inmaterial do Deza e que vela pola pervivencia da tradición, sacárona en procesión polos arredores do agachado mosteiro medieval, fundado nada menos que no século XX. Centos de músicos, alumnos e mestres, compartiron filas e melodías durante horas, de día e de noite, neste conxunto arquitectónico único, ubicado en Trasdeza. Pola tarde, Celso, o contador de historias lalinense demostrou as dotes de orador dentro do mosteiro. A noite, con acampada ao lado da carpa, foi longa, sobre todo para os máis devotos.

Exposición de danzas

Á actividade dentro do mosteiro, co espectáculo de tradición oral de Celsiño, e o baile e os xogos fóra, ao aire libre, uníose este ano en Carboeiro unha exposición sobre danzas de arcos, dende a de Camariñas ou Cariño, ata a de Arbo, Cobas, Vilanova dos Infantes, a Coca de Redondela ou Os Papamoscas de Santiso (Lalín). Cunha mostra real de cada traxe, que soen ter en común unha base de vestimenta blanca, pañoletas, lazos de cores e sombreiros con adornos, acompañados de descrición e vídeo de cada unha destas danzas seculares, o traballo de recollida oral e divulgativo dos organizadores dos Encontros chamou a atención de devotos e curiosos.

santaferreña

baile2vellos1

baile1

Festifolk

Sobre o autor

Selina Otero. Xornalista.

Sen Respostas a “Carboeiro abre a tempada de festivais folk de verán”

Deixar unha resposta