A elegancia dun traxe de Santiago con esencia do XIX

Jul 22, 2014 Sen Comentarios por

Andrea Noya, unha estudiante de Santiago á que lle encanta coser dende os nove anos, confeccionou e adornou minuciosamente este traxe de cerimonia, típico de Compostela do século XIX, e con el acaba de ganar o primeiro premio do Certame de Traxes Tradicionais que se celebrou o pasado domingo na capital galega. Empezou a facelo, guiada polo profesor e investigador santiagués Aurelio Gianzo, hai máis de un ano, de feito íase presentar ao desfile do 2013, que finalmente foi suspendido debido ao accidente de Angrois. Con pausas no tempo, empezando por refaixo, mandil e chaqueta, foi completando os bordados e abalorios. Unha das prendas que leva é antiga, o mantón de seda en tono marelo, con máis de 150 anos de existencia. Nin a avoa de Andrea sabe calcular a idade exacta da peza; cando se casou, con 20 anos, ese pano de seda xa estaba na casa.

Vestimenta para unha noiva

O traxe desta universitaria que dende hai cinco anos elabora prendas tradicionais sorprendeu no desfile do domingo, por elegancia e presencia .Gianzo, vinculado a Brisas da Terra e a Ultreia, con 35 anos de experiencia en investigación e reproducción de traxes tradicionais basándose en fotos e pezas auténticas, facilitoulle os patróns e aconsellouna en forma e estilo. Logo virían “moitas horas de bordado” por parte de Andrea. “É un traxe típico de Santiago bordado en bristol dourado e prateado, son cos que se casaban a finais do século XIX”, conta Gianzo. Describe as partes: na cabeza leva unha cofia de tul e no centro a custodia ou cáliz: “a cofia de tul bordado leva lazo vermello, que se vinculaba ás solteiras”. Ten doble enagua, camisa de liño e medias. Por encima do refaixo vermello, leva basquiña (especie tamén de falda aberta, que cruza) e mandil de veludo (que habitualmente levaba bordadas as iniciais da casa). “Todo vai con pasamanería bordada con abalorio negro, azabache e cristal vidrado, mesturábanse ambos elementos”, apunta Aurelio. Na parte superior, o pano de seda (peza orixinal) e por encima a chambra, casaca ou chaquetilla “confeccionada en damasco de seda negra con terciopelo”. A prenda que cobre a cabeza é a mantilla, de dous metros de longo, tamén adornada. Os “sapos e o colar de 40 contas” completan os adornos dun traxe único, digno dunha boda galega de hai máis de cen anos. (Foto: Lara Torres)

Baile tradicional

Sobre o autor

folkgalicia
Sen Respostas a “A elegancia dun traxe de Santiago con esencia do XIX”

Deixar unha resposta