Os ‘Soños’ de Susana e ‘Sotaque’ de Budiño brillaron no XXXº Intercéltico de Moaña

Jul 27, 2014 Sen Comentarios por

Logo do debut de Seisporoito e a actuación estelar de Luar na Lubre na noite do venres, o XXXº Festival Intercéltico de Moaña sorprendeu na noite do sábado, moi propia do verán das Rías Baixas, cunha enérxica Susana Seivane, con temas do novo disco “Os soños que volven” pero tamén pezas míticas do seu repertorio, e co gaiteiro “da casa”, Xosé Manuel Budiño que volveu, despois de dez anos de ausencia, a tocar no lugar onde naceu. Foi unha noite moi gaiteira, cada un deles no seu estilo, con numeroso público no Palco da Alameda de Moaña, en principio a maioría sentado pero que acabou bailando ao final da festa.

Seivane, de novo no Intercéltico

A gaiteira de Oleiros lembrou en varias ocasións ao seu avó, artesán de gaitas, e co público cantou unha das cancións que el lle ensinou: “Que dirán, que dirán”. Tamén lembrou ao mestre da gaita falecido hai pouco, Henrique Otero, e del interpretou ‘Anduriña mariñeira’. Entregada ao público, Susana, que actuou hai tres anos no Intercéltico, tamén interpretou pezas míticas como ‘Para Milladoiro’, ‘Terra de Trasancos’ ou ‘Sabeliña’, ademáis das do novo disco.

Budiño dedicou cancións a un público con amigos e familiares

Con alusións ao seu avó, que naceu preto da Praia do Con (Moaña) e navegou anos no barco ‘Ortegal’, Budiño fixo unha actuación con numerosos colaboradores, coma o músico Xabier Díaz, a cantante Uxía Senlle, os bailadores da Asociación Cultural Fiadeiro de Vigo e a súa selecta banda: Alfonso Merino, Fernando Barroso e Isaac Palacín (violín, buzuki e bodhran, respectivamente). ‘Paralaia’ ou ‘Lóstregos’ estiveron presentes pero tamén do novo disco ‘Sotaque’. Coa voz e a pandeireta de Xabier Díaz a banda tocou temas de corte tradicional e Uxía Senlle tamén emocionou con ‘Teño unha casiña branca’ e atreveuse cunha rancheira da man de Budiño.

photo1 (10)photo4 (1)

Festifolk

Sobre o autor

folkgalicia
Sen Respostas a “Os ‘Soños’ de Susana e ‘Sotaque’ de Budiño brillaron no XXXº Intercéltico de Moaña”

Deixar unha resposta